¿Isto é democracia?

O pasado mes de setembro, escribín un artigo titulado: “¡Visca Cataluña!, ¿e Galiza qué?”, ca intención de deixar reflectida a miña posición no conflito que estamos a vivir intensamente nestes días. Os días pasan e fomos testemuñas das accións do chamado “procés” e da acción do goberno do estado, que tivo a súa máis alta repercusión mediática, política e social tanto en Cataluña coma no Estado Español no 1 de outubro onde, non pudendo facerse cas furnas e outros medios de votación, a policía e garda civil, recibindo ordes das máis altas estruturas do estado de impedir se votase, utilizaron a violencia contra familias enteiras, xente nova e maior que non entendían esa violencia nun acto democrático, o de votar, que eles entendían non se pode prohibir, porque a vontade colectiva dun pobo, é superior ás leis feitas cos intereses alleos a ese pobo.

Cáusame moita decepción ver, escoitar e ler o panorama político que temos diante. Non me entraban ganas de escribir ren acerca de todos os acontecementos que vemos, son máis lector que escritor, e iso leva á perda de moitos tempos nos análises na diversidade do que se escribe en múltiples medios e do que se di en radios e televisións. É desesperante o nivel que teñen moitos articulistas á hora de escribir un artigo cando se trata de cuestións políticas. O sectarismo, os epítetos, as descualificacións, a negación de “outras” razóns, a falta de empatía con quen pensa distinto ou é distinto… dan ganas de saír correndo desta “España de Franco” (coma escribín eu na primeira das miñas poesías) e non volver nunca máis a ela, esquecendo por completo meus orixes, xa que parece, que nesta España é imposible un diálogo político e social en respecto, sen ameazas, sen medos alentados, sen imposicións, sen mallar na xente por querer votar ou por impedir un desafiuzamento, por querer vivir en galego, catalán ou vasco porque, parece que o “castelán” é a fala do “imperio” que din e repiten mil veces, que é falada por 500 millóns de persoas no mundo, coma o elixir da felicidade global que debéramos, os “pequenos”, extinguirnos nas nosas falas, nas nosas costumes, nos nosos intereses, e ata nas nosas pretensións por ser pobo en respecto é, en igualdade de condicións que os casteláns falantes, que consideran que non temos dereitos e tan so deberes: ¡os que nos impoñen!.

Se a Península Ibérica é coma é, ¿coma é posible que na nosa xuventude, na idade escolar, que é cando mellor se aprende, non teñamos nin idea dos idiomas e falas peninsulares? ¿quén se dedicou a que as ignorásemos e puidéramos ter unha riqueza lingüística útil, que uniría máis as nosas culturas e os nosos coñecementos mutuos que ignoramos?. É todo un sen sentido que nos arrastra e que nos enfronta. O non recoñecer ao “outro” e ás súas singularidades, estanos arrastrando ás confrontacións por os intereses dunhas elites conformadas nun momento dado da historia, e imposto a quen non se resiste a “morrer”(metaforicamente falando) porque é un ser vivo e activo que posúe súa propia historia, súa fala, súa dignidade, súa cultura e súas ansias de conformar súas liberdades en igualdade aos outros pobos peninsulares, europeos e mundiais. ¿Porqué esa cerrazón do Estado Español, dos partidos “españolistas”, e das xentes que falan e escriben en castelán en non recoñecer ás nacións, pobos ou identidades que conformamos ese estado?. Moito aforraríamos en discusións, en descualificacións, en enfrontamentos, en discursos e palabrería inútil e gañaríamos moito en educación, (que moita falta fai) e nun mellor entendemento que faría máis factíbel os adiantos, tanto educativos coma de orde político, cultural e social.

Unha pena, que o conflito do Estado con Cataluña, non leve a unha honesta reflexión por parte de todos os implicados que están a intervir nas decisións principais, e nos leven a uns bos acordos que respecten todas as singularidades e todos os intereses que están na escena política. Estamos a ver movementos que nos retrotraen a outros tempos xa pasados. Volven os nazis ou os imitadores deles con bandeiras “rojigualdas”. ¿É isto normal nun estado que saíu do fascismo franquista?, parece…, que para os herdeiros ideolóxicos que están a gobernar, si é conveniente que saian a relucir os estandartes franquistas e toda a súa simboloxía para seguir a meter “medo” aos cambios e se impoña o “atado e ben atado” que estamos a ver nas posicións ideolóxicas dos partidos que lideraron a transición. Estase a promover a guerra de bandeiras e o enfrontamento, coma método de recuperar votos perdidos, e facer esquecer o “roubo” monumental ao que foi sometido o estado, que estamos a pagar todos, e que nos hipotecará por moitos anos, tanto democraticamente coma economicamente. Dende logo, son da opinión, que aquí so asomou a democracia nas formas, nos feitos creo, estamos a anos luz de que España é un Estado Democrático de Dereito. O poder político e económico do franquismo que non foi suprimido, impiden a separación dos tres poderes dun Estado Democrático, ¿ou non o estamos a ver no uso que se está a facer con motivo da corrupción do Partido Popular e do conflito que mantén o estado con Cataluña?, pois iso…

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s