Razoamentos teóricos do Proxecto “FICOS”

Dende fai uns poucos anos, ando a darlle forma “práctica” a un proxecto ou idea que foi nacendo no meu ser e pensar coma observador dos moitos contrastes que se dan no decorrer dos días, semanas, meses e anos, na que a actualidade o mesmo nos trae noticias gratificantes coma que de repente o mundo se escurece duns nubarróns que non teñen nada que ver ca climatoloxía e si moitísimo máis ca acción depredadora que asMeditationes_de_prima_philosophia_1941 persoas humanas, no seu conxunto, periodicamente conformamos coma negros nubarróns na nosa existencia.  En calquera tempo que un mesmo nace á vida, esta xa está condicionada ás formas e actuacións que outros seres foron creando nunha continua herdanza xeracional.  Por tanto, a nova vida é allea a esas condicións é, coma ser vivo que precisa do alimento e da calor maternal, a súa próxima vida dependerá case en exclusiva das condicións, situacións e actuacións nas que estean seus proxenitores en primeiro lugar, e logo nas condicións, situacións e actuacións que se encontren a diversidade de núcleos vivos e organizados que os arrodean.

Esta criatura é moi sensible, precisa da protección, coidados, alimento e mañas ou saberes dos proxenitores ou, en todo caso substitutos, para fortalecer e desenvolver a súa existencia. Ao mesmo tempo que é moi sensible á calidade da atención das súas necesidades biolóxicas que precisa pra vivir, é tamén súper sensible ao exterior que o arrodea coma un dos condicionantes que percibe para que poda seguir en vida e crecendo.  É herdeiro dos temores e sensibilidades dos seus maiores xa dende o ventre da nai, é herdeiro das situacións nas que se encontren eses maiores, do mundo que o arrodea, é herdeiro inconsciente do nivel de desenvolvemento e calidade de vida na que os seus maiores están inmersos, é herdeiro inconsciente dos avances sociais, ou en todo caso dos atrasos, é herdeiro inconsciente dos saberes que xeración tras xeración as sociedades humanas aportan á calidade de vida, así coma tamén é herdeiro de moitos mundos que o atemorizan e encadean para que non poda ser libre e creador.

Cando chegamos á vida, esta xa está feita e condicionada por toda unha suma de herdanzas e pola incapacidade manifesta que en todo o seu conxunto mostra o ser humano para conseguir un mundo de respectos, de convivencias pacíficas, de desenvolvemento continuado e efectivo de todas as potencialidades positivas que aporta cada individuo ao conxunto vivencial.  Cando chegamos á vida, na vez de situarnos os nosos maiores no mundo da escola que desenvolva, cultive e perfeccione todos os valores e capacidades positivas que todo ser é transmisor e capaz en potencia de desenvolver, encontrámonos nun mundo de loitas, de competición, de guerras, de desenfreo de todos os instintos e valores negativos que o corpo “animal” aniña no ser humano.  Cando nacemos estamos xa presos, e son moitas as cadeas que han de condicionar a existencia da nova vida, non nacemos en liberdade e amor, nacemos encadeados nun mundo de paixóns, de egoísmos, de mentiras, de loitas, e de guerras de poderes contra poderes.  Nacemos e vimos á vida para crear a “morte” polo designio das herdanzas que recibimos.  É a triste realidade á cal estamos todos adheridos coma un gran vento que nos leva, e do cal, non nos da opción a saírnos del.

As capacidades intelixentes do ser humano son infindas en potencia, mirando estas capacidades e posibilidades dende o conxunto xeracional no que se apoia como transmisor dos saberes, pero estas capacidades e posibilidades que pertencen ao conxunto da especie humana de tódolos tempos, os pasados, os presentes e o futuro, vive en estado de corentena permanente pola acción depredadora dos valores “animais” que aniñan no ser humano e que prevalecen coma forma ou método das visións simplistas que non traspasan a barreira do momento, da particularidade do actual e da concreción das prebendas individualizadas.  Todo o conxunto da creatividade, do avance tecnolóxico, da suma dos saberes de xeración en xeración, termina sempre ao servizo dos poderes elitistas temporais, que son en si mesmos destrutores das capacidades intelixentes e de valores positivos que aniñan no ser de cada individualidade que non teñen a sorte de estar protexidos por forzas superiores ante a simple ameaza da existencia, do seu dereito a vivir, de convivir e crear.  Os poderes que se conforman só están ao servizo do particularismo de grupos, a soños perversos e a apuntalar fortalezas onde protexerse para poder gozar do momento, do actual, da materia.  Ignorando por completo o resto da sociedade humana coma entidade que é quen pra esixir respecto á vida, e respecto ás diferencias na convivencia e relacións que, coma persoas dotadas de valores teríamos a obriga de cumprir axeitadamente.

Para conseguir situacións de privilexio na loita diaria que se conforma en multitude de pequenos poderes que, ao mesmo tempo van conformando outros poderes superiores, as persoas individualízanse no seu ego particular, camiñan coma robots intelixentes que despersonalizan o carácter do seu ser “humano” que sinte, que ama, que chora e que necesita da calor dos demais, que é un máis nese conxunto xeracional humano, que esa sociedade necesita del, da súa intelixencia, dos seus propios valores que pode aportar ao enriquecemento da convivencia e ao desenvolvemento das capacidades humanas no seu conxunto.  Pero, os valores negativos do “animal humano” envurullan a intelixencia, a limitan, e só lles permite o desenvolver as capacidades intelixentes e corporais en beneficio da sede ególatra e corrosiva que o converte nun ser destrutor na vez de creador.  Na vez de buscar a creatividade, a verdade das cousas, a achega intelixente ao conxunto social para que perfeccione e mellore os sistemas de vida e ensinanza, a gran maioría apúntase a ser soldado dos poderes establecidos, a afogar as capacidades críticas do análises en ben dos egoísmos e avaricias do momento, a individualizar a existencia coma forma de defensa dun mundo que penaliza a inocencia, a sinxeleza, a sinceridade, a alegría de vivir, de querer e de amar, de ser solidario e de ser comprensivo para con causas nobres e xustas.  A vida que herdamos xa nola dan feita con toda caste de espiñas e atrancos que nos queren obrigar a desprendernos de todos os nosos valores humanos para que pasemos a formar parte dos múltiples exércitos que operan en todas as clandestinidades e publicamente coñecidas; a cambio: a seguranza no respaldo corporativo, que se converterá de a pouco na “caixa de pándora” do xogo de intereses.  A liberdade queda así truncada, esmagada nos débitos das prebendas obtidas.

Na práctica totalidade de todos os pobos étnicos, de todas as culturas, de todos os estados e nacións, dos imperios que sempre se foron conformando, a morte e destrución do “outro” (persoas humanas)foi o emblema e consigna para crecer e para obter “poder”.  Todas as intelixencias se foron poñendo sempre ao servizo da “morte do humano”, do ser igual que un mesmo, aínda que en outras moi distintas condicións.  A raposeira humana, os voitres humanos, as hienas humanas e demais “valores animais humanos” son enxalzadas e colocadas con moldes moi xeitosos e relucentes coma “Historia”, e feitos valorosos destacados(ou inventados) na destrución do “outro” saliéntanse coma exemplos a seguir.  Toda a existencia humana caracterízase pola conformación dunhas elites que dominan o saber, e este saber diríxese a perpetuar toda unha maquinaria de guerra e dominio que permita a seguranza desas elites.

As forzas, valores e calidades que millóns e millóns de persoas puideran por ao servizo do respecto polo humano, polo animal e vexetal, pola convivencia en colaboración e pacifismo, por desenvolver inventivas e mecanismos que sirvan para avanzar son tirados con desprezo por estas mesmas elites á fogueira da morte e do esquecemento, ca efusiva colaboración de moitos millóns de colaboracionistas que han de ir tamén na mesma fogueira da morte.  E o ser humano non pensa, pecha os ollos e se pecha en si mesmo, só no seu mundo que quere “salvar”!.  E isto é coñecido e utilizado por esas elites.  Pero as elites se conforman no mesmo ventre da masa humana, son persoas humanas que naceron igual que todo ser humano ou animal, e tiveron a necesidade da nai e do pai pra ter “vida”, e de estes e dos núcleos afectivos e vivenciais para medrar e aprender, de formarse nas experiencias e saberes dos demais, de ampliar o mundo intelixente propio baseándose no feito por xeracións enteiras de personaxes con avanzadas visións do mundo e das cousas, do legado deixado ao ser humano.  Nunca ningún personaxe humano pode ser único e dono por completo de si mesmo, é unha construción humana que debe o seu ser á mesma especie humana que lle deu vida e o conformou nun ser adulto.  Por iso morre, por iso morremos, por iso non se pode levar nada con el do que fixera, conseguira ou tivera en vida, todo, absolutamente todo, quedará no mundo dos “vivos”, pra ben e pra mal.  E só é no mundo dos vivos, onde a labor beneficiosa ou prexudicial dese personaxe, desas elites, de todos e cada unha das persoas que vimos á vida, pode ter valor positivo ou negativo.

A Terra apropiase, cércase, colócanselle cancelas e fanse rexistros de propiedade; así ocorre así mesmo con todo o que nos da de comer, de respirar e de gozar coma humanos.  Teremos terratenentes(expresión actualizada de reis, vicerreis, condes, condados, duques e ducados) que serán “donos” de inmensos campos e terras, e faremos que outros “seres” iguais(persoas humanas)traballen pra eles.  De ese traballo nace a explotación do un(terratenente, empresario, banqueiro, inversor, etc.)para con a maioría, utilizando pra iso, sempre aos “colaboradores” que colocarán nun estrato mellor pago para que fagan esa labor.  E desa forma e maneira, construiremos a sociedade ao gusto e caprichos dos que van conseguindo construír pedestais de poder pra converterse nesa elite que decide a vontade de millóns e millóns de persoas, e que a forza potencial que posúe a masa humana, a desactiva con mil e unha argucias e inventivas, porque esa mesma masa humana non ten as capacidades suficientes dos análises das situacións nas que son obrigados a vivir.

Durante séculos e séculos, habendo medios, esas elites encerráronse nun círculo pechado no que só se permitiu o “saber” e o “mandar” a un reducido número de personaxes que alimentaban e daban vida á diversidade de clases sociais baixo o liderado da elite.  Os “saberes” só se ensinaban e traspasaban a reducidos números das clases ou elites altas, e perseguíase ou prohibía a mínima vontade da masa no campo do “saber”.  Así, a Historia é só a das elites, os millóns e millóns de seres que pasamos pola vida e que non conformamos esas elites non temos historia?, non fixemos nada?, non podemos facer nada?, non somos quen pra cambiar o rumbo da vida e das cousas que esas mesmas elites nos marcaron e deseñaron para nós a través do noso mesmo sacrificio de mortes, guerras e máis guerras, destrución e destrución continuada?.

As elites, tal e coma están a vivir, e tal e coma se conforman e estiveron sempre a se conformar, non teñen razón “humana” que as xustifique.  A única razón da súa existencia é a explotación dos “valores animais”!, é, explotando, refinando, perfeccionando as técnicas propias dos animais aplicadas a seres doados de capacidades intelixentes con sensibilidades humanas, van conseguindo anular moitas das súas capacidades e posibilidades positivas, incrustando neles os valores “negativos” do ser animal que por especie procedemos.

Porque se as elites tiveran algunha razón de ser “humana”, xa dende o mesmo principio da existencia humana se formularía a definición filosófica que non permitira o “uso” dun ser semellante para beneficio de si mesmo, en detrimento do “outro”.  Porque a razón “humana” é precisamente a que nos diferencia do ser “animal” que ten sentimentos afectivos e de defensa coma nós.

É precisamente neste contexto, no xogo das dúas facetas que bioloxicamente estamos feitos, onde marcamos as pautas do ser e estar na vida.  Coma o desenvolvemento “intelectual” ou capacidades comprensivas de tódalas situacións, é un problema de atraso colectivo que foi impulsado sempre por as elites, que si accederon a unha maior comprensión e desenvolvemento de capacidades intelixentes, este atraso colectivo é a arma principal que utilizan as ditas elites para desbaratar todo intento de progreso e de humanizar a existencia, utilizando todos os valores e capacidades que a persoa é capaz de desenvolver, a sabendas que son utilizadas pra causas innobres e de perpetuación da morte coma sistema de eliminar a “razón” do “outro”.

Así, para que as elites podan obrar e manterse na diversidade de poderes, -que serán os que decidan e máis gocen do “terreal”- formaranse exércitos e máis exércitos de soldados de moi diversas características, que van do clásico “militar ou guerreiro” ao “ideolóxico relixioso”, pasando polo medio dos exércitos dos obrigados e anulados de vontade e recursos. Todos estes exércitos de soldados, saben que están inmersos nunha causa que non é a súa, e váiselles a vida e as esperanzas, e non fan nada ou moi pouco para se opor a esa instrumentalización e uso.  O confusionismo da inseguridade alimentaria, da seguranza propia e afectiva dos seres queridos, o confusionismo teórico e analítico que de cada situación se crea nas masas que impide captar de a pouco os trasfondos de moitas decisións que afectan aos intereses de todos, fan que as armas propias e colectivas que posúen sexan utilizadas para o interese e beneficio desas elites que poucos nos cuestionamos.

 

 

 

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s