Falemos…, da política

Catedral de BarcelonaEscribir…, non me entran ganas de escribir da actualidade na que todo xira ó redor de Cataluña e o Estado Español, pero, falemos… Abundan escritos e visións distintas das problemáticas que se están a dar; observo moito apaixonamento e medidas de forza que non traerán nada bo; na confrontación, parece que o difícil é aportar visións de futuro que canalicen axeitadamente a convivencia entre persoas con distintas culturas e identidades sen que chegue a sangre ó río. O desánimo, e lectura de tanto artigo de opinión, levoume a recordar e ler, uns escritos meus de fai nove anos que pareceran premonitorios da actualidade, pero que son, na verdade, para todo tempo e lugar porque non deixan de reflectir as actitudes humanas. Copio tan so, un pouco do escrito no ano 2008:

“O pasado, a historia da humanidade, analizándoa criticamente, nos ensina que a intelixencia deu en conformar un poder e someter aos demais, aos iguais, ós designios e caprichos do poderoso.  Así se conformaron eses poderes e se lles foi dando -e sigue- nomes diversos segundo o lugar.  De faraóns, reis, emperadores, caudillos, zares, césares e moitos máis nomes que significan o mesmo: poder absoluto, está chea a vida da especie humana, e coma tal, o vivido baixo todas esas formas absolutistas do poder.

Dos poderes absolutos, pasamos a poderes teledirixidos con artificiosas teas de arañas que nos moven a todos ao son dos de sempre, das elites que acubillan poderes no económico, no financeiro, no político, no militar, no relixioso, nas mafias e organizacións secretas que operan na clandestinidade movendo fluxos económicos que manexan entidades e persoas que escapan ao control dos cidadáns.

A forma de gobernar e administrar, de facer política e xustiza está completamente desfasado e ao servizo das elites e seu poder.  Tratar de explicar isto sería inútil pois, xa está mais que explicado e visto en tódolos recantos da vida, dende o máis pequeno dos núcleos habitados, ata as grandes cidades e estados que conformamos, nun variado cinismo que mantén as mesmas estruturas de servizo para con os representantes de ese poder.  Na actualidade, a palabra máxica “Democracia”, oculta toda unha estratexia na que se esconden todos eses poderes.  Movendo fíos e máis fíos, -políticos, xudiciais, económicos, militares, relixiosos, culturais, mediáticos, servizos de intelixencia…, etc., os poderes seguen onde sempre e máis fortalecidos, utilizando sempre a carne de canón do pobo, do soldado e dos que queren subir pola escaleira da avaricia, que é moi ampla…

Innumerables personaxes o denuncian unha e outra vez.  Moitos deles son asasinados, outros perseguidos e encadeados, outros sinuosamente advertidos, a outros se lles enmudece, e a outros moitos se lles compra para a causa do poder.  Os pobos se organizan e tratan de valerse por si mesmos.  Os poderes o impiden con mil formas.  A lei feita por eses poderes, é a primeira forma que se utiliza para impedir que o pobo, os pobos diversos se auto xestionen sen o protectorado interesado de estruturas conseguidas pola forza e con artimañas históricas, -coma as hereditarias de determinadas castas familiares-

Serían infinidade as razóns que se poden escribir e argumentar para por en tela de xuízo o “Dereito”, todo o dereito, tanto no plano local, coma nacional ou internacional.  A pesar de que moitos profesionais si merecen o respecto á súa labor e á súa ética.  Pero, non é esa labor -individualizada- a que se pon en cuestión, senón todo o edificio do dereito que non e quen de liberarse da acción corrosiva dos poderes.  Deles vive, deles se alimenta e a eles lles sirve.

Por tanto, non hai tal dereito nin xustiza, o que hai é a manipulación dise dereito a ter unha xustiza completamente imparcial, independente, con criterios superiores da ética e servizo aos cidadáns, de humildade e sinxeleza no exercicio da profesión, e garantías de non verse involucrado en favores nin estimulado polos poderes que operan para condicionar a súa labor, sobre todo os políticos, económicos, militares e relixiosos.

A sociedade ten que garantir que o feble, o carente de recursos, de medios culturais ou de impedimentos físicos ou psíquicos, poda ter esa xustiza que o ampare ante o poderoso.  Se non é así, o feble percibe a xustiza coma unha ameaza no seu vivir.  Ese amparo, non pode ser ficticio e marxinal, senón que ten que ser forte e poderoso nos medios e recursos, igualando o potencial opoñente, para que desa forma, as augas estean niveladas á hora dun razoamento xurídico imparcial e eminentemente perfecto na ética.

Por moito que pasen centos e miles de anos, o sistema de vida sempre se repite.  Cambian as formas, os escenarios, os modos, as técnicas, os instrumentos, os niveis de desenvolvemento, pero a esencia mesma da imposición dos intereses das oligarquías conformadas do momento, vencen na loita humana; vence a “intelixencia de valores negativos” á “intelixencia de valores positivos” porque, as armas que utilizan, xogan sempre ca vida e ca fame, nunca as garanten; e iso supón temor, terror, medo por instinto de supervivencia.  Estas elites, buscan ter influencia en toda canta institución se conforme en representación do pobo, sabedores de que as institucións “representativas” están cheas de voluntarios en conformar “intelixencias negativas” que os catapulten a lugares de privilexio na subida piramidal.”

Unha vez lido estas cousas escritas fai nove anos, e observando a actualidade na que estou inxerido, sigo a pensar o mesmo e a confirmarme que as elites conformadas na ditadura franquista, apestan nas actuacións e decisións que se están dando, tanto da xudicatura, coma do poder político e administrativo do Estado Español que conforman hoxe tres partidos concretos: o Partido Popular, o PSOE e o apéndice saído do Íbex35 para frear o revulsivo que supuxo o 15M e aparición pública de Podemos. Isto non é un Estado Democrático, e o demostra a querela dun fiscal xeral do Estado e os autos da xuíza de instrución nos casos “Puigdemont”, Jordi Sánchez e Jordi Cuixart. E para rematar, lendo nos dixitais, non deixo de estar de acordo no escrito por DONGUIDO, o 3 de novembro deste ano no El Diario.es que di: (traducido) “Pois lendo seu artigo -de Javier Pérez Royo- o tan cacareado ESTADO de dereito, resulta que no é tal. Estou farto de ver periodistas e tertulianos, máis ou menos progresistas, que se pregan ao mensaxe teledirixido dos voceiros da dereita. Cuestionan a decisión puntual dun xuíz, pero manteñen o discurso oficial de que en España hai separación de poderes. Non importa que, se sumamos todas as decisións puntuais cuestionadas, estas non sexan anécdota, senón categoría. Pero isto, en propaganda política, é máis vello que mexar. Os manipuladores van creando un clima de opinión maioritario, na que os opositores non teñen a carraxe de enfrontar pra non saírse do politicamente correcto.

Ao final, silenciada por covardía, a voz crítica da maioría destes periodistas, que non esquezamos son a nosa voz, tamén queda esmagada a oposición a os poderes que acaban impoñendo o relato único. Eu, coma non son periodista nin como deso, dende a miña parcela de opinión, escribindo e falando nos meus círculos, me rebelo. España non é un Estado de Dereito, e o Poder Xudicial, maioritariamente, é un apéndice do Poder Político. Que aia xuíces, que os hai, independentes, non valida o sistema. O Consello Xeral e o Tribunal Constitucional están parcelados e responden ás cotas de poder que cada partido ten, o Fiscal Xeral obedece ordes do Goberno que o nomea, e a Fiscalía é unha institución xerárquica. Por tanto actúan baixo o peso de dous artigos:

Art.1: O superior sempre ten a razón.

Art.2: Cando o superior se equivoca, aplícase o artigo primeiro.

Os membros do Tribunal Supremo son promocionados por o politizado Consello Xeral, e a Audiencia Nacional, creada especificamente para o terrorismo de ETA, agora é a reedición do franquista T.O.P., e ata os Xuíces de Paz, dependen da composición política do concello. Xa está ben de hipocrisía e pregamento ao discurso oficial do poder. Eu discrepo. Non somos un Estado de Dereito, senón un MONARCO-FRANCO de DEREITAS”

Lido todo isto, penso que os males desta Península Ibérica non veñen precisamente porque Cataluña, Galiza ou Euskadi, por ter coma teñen súa cadansúa identidade e fala distintas e aspiren a conformarse en Estado de Dereito, sexan os culpables deses males, senón que é un Estado Imperial fracasado que non soubo integrar as riquezas desa diversidade, polo desprezo que senten as elites e herdeiros intelectuais desa España fracasada, ás diferencias idiomáticas que non puideron destruír e que seguen no seu empeño. A mostra está en que “impoñen” se lles fale “cristiano” cando viaxan pola península, por un descoñecemento alentado dende a administración do Estado, sen facer nada por o enriquecemento cultural e idiomático. Nada parecido a Suíza, onde todas as comunidades aprenden na escola as “outras” falas, que non lles impiden desenvolverse e entenderse sen a imposición do “hábleme usted cristiano”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s