Falemos galego

Unha das causas de o porqué eu escribo en galego foi, o decatarme xa moi tarde e estando na emigración do que foi Galiza, da súa historia e do significado ata os nosos días, dunhas verbas lidas que revolucionan o sentido de ser ou non ser galego, o de: “Doma e castración do Reino da Galiza”, que leva aparellado dependencias alleas, perda de dereitos, empobrecemento, emigracións masivas, perda da fala e perda do dereito a decidir o que aos galegos e galegas nos interese, sen que sexamos obxecto de ameazas e imposicións coma se foramos escravos ou servos dun poder superior, ¡que é o que nos ven sucedendo!.

Durante moitos anos, e xa dende novo, non entendía o porqué en Santiago, no centro falábase o castelán, e nas aforas, nos barrios, o galego. Xa nin falar do ensino que, ¡non existía o galego!, se nos ocultou e se nos negou o ensino na NOSA lingua, así coma a nosa historia que estaba desaparecida no bosque da Historia da España. Somos fillos da burricie cultural imposta que nos divide e nos separa coma galegos. Seguimos coma eles proxectaron, divididos e enfrontados, sen sentido do noso ser e sen sentido da dignidade de facerse respectar. E parece ser, que estamos lonxe de ter uns políticos, institucións e gobernantes, que asuman o poder da Galiza coma entidade a facerse respectar e a asumir o que os galegos e galegas decidamos.

Na emigración, na miña liberdade e lonxe das propagandas e moralinas dos diversos actores que actúan coma calmantes pra que non brote a dor dos que sofren persecución ideolóxica e física, aprendín so e sen influencias de ninguén, que eu era galego ¡so galego!. E sigo a pensar e dicir que so son galego de identidade e de sentimento. ¿É compatible isto de ser so galego, con ter pasaporte e DNI español?. Penso que si… Todo é posible, depende da vontade individual e colectiva que co tempo conforma múltiples formas en combinación con diversos acontecementos que suceden e inflúen nas vontades colectivas e individuais. Antes de existir España coma reino e estado, existiu Galiza coma reino con formas de estado e sendo o primeiro en Europa logo do imperio romano. ¿Porqué non vai ser posible que Galiza recupere seu ser e se converta en estado se nun futuro así o decidimos?. Outros pobos, pequenos e grandes o fixeron realidade, e outros o están a intentar porque así o demandan as súas xentes.

Observaba eu nesa emigración, con qué facilidade se outorgaba “unha nova identidade” (pasaporte incluído) a marroquís, turcos, indonesios, e outras nacionalidades que sabían moi ben coma facelo cas poucas esixencias que tiñan, sendo a principal, a económica de 500 euros que me ofreceron pero que non aceptei porque, respectando ás xentes que nos acolleron, non crin necesario adoptar identidades que respectaba pero que non sentía coma miña. Así, sigo a sentir e respectar, tanto aos que deciden mudar de identidade por mor de conveniencias do momento coma dos que teñen outras identidades diferentes ás miñas, sempre e cando se respecte á que sinto e ca que me identifico. Aprendín, que o pasaporte e diversos documentos de identidade so son documentos de referencia e de control das persoas máis que un indicativo da identidade sentimental de pertenza a un pobo, cultura, nación ou estado. O pasaporte ou DNI o que si aportan son datos do interesado que serven para moitas funcións, tanto para o interesado coma para os organismos que precisan dese control, onde son usados nun mundo cada vez máis pequeno nas formas comunicativas e de tránsitos.

Pero eu estou a referirme so á identidade sentimental, á miña que, aínda que teña e use unha identidade que non sinto (a española) son consciente de que pra que se conforme unha identidade galega recoñecida e visible no meu pasaporte e DNI, é necesario a vontade individual e colectiva de querer ser galego, de expresalo, de sumar e de conformar os peldaños dos poderes que nos traian esa realidade. E a iso aspiro, a poder lucir a miña identidade sentimental xunto á identidade formal, e pra min, a lingua é o noso mellor instrumento de uso en conseguir os nosos obxectivos. Usémola que, pouco a pouco, os que acreditemos nela, iremos nun mesmo barco e nun mesmo viaxe. Penso… que serían moitas máis as vantaxes que os inconvenientes no caso de que Galiza chegara a independizarse ou a formar estado en forma federal ou confederal, sempre e cando esa realidade sexa asumida democraticamente e aceptada por España e pola comunidade internacional. Os inconvenientes virían do carácter antidemocrático que mostra o estado español, que considera (de momento) que aquí so hai unha soa nación, a deles…, e unha historia…, a deles…, e que a súa constitución é sagrada e non pode haber outra ou outras… Pero somos as persoas, as que podemos cambiar o curso dos acontecementos sempre e cando nos interese nun proxecto común, ¡todo é posible!.

NOTA:

Hoxe, fai perto de dous anos que non aporto nada a esta web por motivos de saúde e por falta de tempos que adicar pero, vexo que sigue activa polas moitas visitas que ten dende moi diversos países, americanos sobre todo, e tamén de galegos perdidos polo Xapón, Hong Kong, Australia, Canadá e outros que fan sentirme satisfeito do que fun expoñendo eiquí.

Repasando o meu ordenador e archivos, atopei un escrito non publicado de fai uns dez anos polo menos (a data en principio non a vin, e ao correxir dúas ou tres palabras, aparece agora a de hoxe, polo que non sei onde poder ver a súa data orixinal). Polo seu contido e porque fai uns días escribín algo en Facebook acerca do mesmo, subo o dito escrito á web para coñecemento das persoas que interese. Unha aperta a todos.

Deixar un comentario