¡Visca Catalunya! ¿E Galiza, qué?

6 de Setembro, día sinalado e anunciado de que ía ser conflitivo a nivel político e mediático no Estado Español. ¡E así foi!, xa de mañá, todos os media enfocando o Parlament de Catalunya dando conta do que alí sucedía e activando os análises e opinións de expertos e clásicos tertulianos que opinan de todo, conformando un estado de tensión que o visualizaban axeitadamente os membros do goberno, na “garda” que montaron pra contrarrestar as decisións que se ían tomando no Palau da Generalitat Catalana.

¿É?…, sigue a tensión, “choque de trens” escriben algúns. Aprobouse a Lei de Referendo logo dun día cargado de imaxes para o recordo e a Historia, con ausencia dos deputados de PSOE, Cidadáns e Partido Popular que, este último, deixaron as bancadas valeiras, pero cubertas os seus respaldos con bandeiras españolas e catalás a modo de símbolos que chamaron a atención dos telespectadores, e tamén, da deputada de Podemos Angels Martínez Castells que, moi maior ela, sentiuse ofendida das bandeiras españolas, e foinas retirando sen que fora molestada ou non oíra á Presidenta do Parlament para que as deixara.

O combate está en marcha, a legalidade do Estado Español está enfrontada á lexitimidade dun pobo que lle impiden votar. E Cataluña xa demostrou e demostrará que quere votar con un moi alto porcentaxe de participación e de desexo. ¿Pode un Estado Democrático impedir ese desexo expresado cen veces de todas as formas e maneiras?. Pra min, se o impide, deixa de ser un Estado Democrático porque o único que fai é impedilo con formas e maneiras ditatoriais ou absolutistas en non recoñecer unhas realidades latentes e presentes de que o que din “España”, é un conxunto de pobos distintos, con culturas e idiomas propios, que de longo, o “españolismo” reinante e ditatorial, intentou sempre anular, prohibir ou negar, para que o “poder” so este concentrado nunha idea fracasada de “una, grande e indivisible” que se contradí ca idea democrática de respecto ás identidades diferenciadas, ás súas linguas, ás súas decisións e formas de relación cos demais, que se deben ter baixo estritos respectos e sen “imposicións” coma estamos acostumados a soportar.

España e o españolismo, loita por anular a galegos, vascos e cataláns polo feito de que posuímos unha lingua e culturas propias. Nada lle debemos aos españois que usurparon ese nome que é común a toda a península coma lugar xeográfico dunhas antigas rutas. Portugal e Xibraltar incluídos. O mesmo que o idioma “español”, usurpado aos casteláns que, coma pobo dun reino xa desaparecido, ve que o seu “castelán” pariu un “español” coma idioma dun novo imperio, ¡fracasado!.

Pero aí está, un idioma que carece de pobo e que pra xustificalo ¡nega aos outros!, intentando sempre que poden, prohibilos ou marxinalos ao máximo. ¡Este é o gran problema desta España que coñecemos e que a Historia nos transmite! ¡e non o recoñecen!. Por iso temos todas estas tensións, por iso tivemos a guerra civil, por iso nos destruímos mutuamente, por iso imos atrasados a respecto de Europa, por iso aceptamos ser vasalos dos EE.UU., de Alemaña, da Francia ou do “mercado” e elites do mundo, porque a personalidade de “España” perdida en agradar ós que deciden e teñen o poder, so fai política de amigos sen atender ás xentes e pobos que conformamos esta península.

¿É Galiza e os galegos, qué facemos? É pra min triste, ver coma os cataláns loitan polo seu, e o conseguirán pese a tantos obstáculos. Da noxo compararnos con eles. ¡Qué daría eu por verme no momento que están a vivir estes cataláns, pero na terra que me pariu e mamei!. Estando coma estou no País Valenciá, correría a empadroarme na terra e a sumar na nosa loita dunha “Galiza ceibe” ou…, dunha Galiza confederada, sempre e cando, todos os que convivimos baixo o paraugas hispano, decidíramos libremente, sen coaccións, sen ameazas, conformando unha república na que convivamos nunha democracia verdadeira, non nesta “España” monárquica “única e indivisible” imposta a base de ditadura, ameazas e mortes que queren perpetuar. ¡Aupa cataláns, aupa e ánimo galegos!.

 

Deixar un comentario